20 10 08 :: O P. Galeguista reclama a anulación do xuizo a Bóveda

O presidente do Partido Galeguista, Manuel Suárez, nunha carta ao xuiz Garzón, solicita que, no proceso de reparación da imaxe das vítimas da represión da guerra e a post-guerra, tome as iniciativas oportunas pra anular o xuicio que condeou a morte a Alexandre Bóveda, destacado membro do noso partido.

Alexandre Bóveda foi unha persoaxe fundamental na conformación do Partido Galeguista e moi sinaladamente na preparación do Estatuto de Autonomía, que sería aprobado nas Cortes Españolas reunidas xa fóra de Madrid en plena contenda civil. Bóveda decideu non marchar ao esilio, crendo que a xustiza da súa causa o protexería de calisquer acusación, pero foi detido, xulgado i executado, asegún recolle o seu cuñado no libro “Vida, Paixón e Morte de Alexandre Bóveda”. Aínda hoxe conmove ler a carta de despedida que lle escribeu á súa muller. A data da súa morte o 17 de agosto do 1936 foi recuperada no 1985 polo Partido Galeguista como o Día dos Mártires de Galicia, conmemoración á que máis tarde se sumaron os demáis grupos nacionalistas.

A anulación do inxusto xuizo que o condeou non é promovida polo Partido Galeguista como un xeito de vinganza hoxe xa imposible, senón como unha actuación de normalización democrática que volve colocar a imaxe de Alexandre Bóveda onde lle corresponde, ca honra que tan ben describeu Castelao no seu discurso “Alba de Groria” e no seu debuxo “A derradeira lección do mestre”. A lexítima restitución da figura de Alexandre Bóveda debe ser un obxetivo non só do Partido Galeguista, senón de toda a sociedade galega, que, se hoxe dispón de autogoberno, é grazas ao labor de Bóveda e dos seus compañeiros. Esta restitución tampouco pretende quedarse no pasado, senón debe ser un alicerce que estimule a actualización do noso Estatuto de Autonomía, pendente da necesaria reforma baixo o criterio do consenso e a vontade de facer país por parte de tódolos galegos de tódalas ideoloxías.

Xunto con Bóveda, cómpre restituir a memoria de tantos galeguistas a quenes lles quitaron a vida por defender o recoñecemento político da nosa identidade nacional galega, algo tan obvio prá sociedade galega actual, pero que non se consigueu sen pagar un prezo; pra chegar onde estamos, todos demos algo, pero algúns dérono todo: a súa vida. Recoñecelo non só os dignifica a eles e ás súas familias; dignifícanos a todos como país.


Content Management Powered by CuteNews